quinta-feira, abril 28, 2005

Shopping

Chegou a calor e os 31 graos que marcaba o termómetro do coche me fixeron pensar que non había máis remedio xa que lanzarse a mercar algo de roupa de verán. Como son moi ousada, entrei nalgún templo da moda "teen", e quedei gratamente sorprendida ao comprobar que entraba nalgún pantalón dos que alí vendían.
Iso sí, non levei ningún. Estase a dar unha especie de mutación neste tipo de prendas: resulta que agora as cremalleiras miden , como moito, 7 cms. Non é xa que mostres o embigo, e que queda dez centímetros por riba de ónde termina o pantalón.
Picando aquí e alá, fíxenme con un par de cousas que precisaba e con outro par que me apeteceron... Como sempre, acabei mercando os pantalóns nunha tenda onde tamén venden cousas con cremalleiras de tamaño normal e elixín uns que fixeron que os meus ollos dixeran "vacacións!!!". Claro que tan pronto cheguemos aos 35 graos, acabarei poñéndoos para ir traballar, que son moi frescos...

Un dos meus libros favoritos

Ogallá que algún día lle dean o Nobel a Fowles. Tantos bos momentos...

terça-feira, abril 26, 2005

Enfermidade

Hoxe houbo un asunto no traballo que nos deixou a todos abraiados: tivemos acceso a unha mostra descarnada de algún tipo de enfermidade mental que anda a cebarse nunha familia, xustamente tendo cómo victimas pasivas aos país da enferma. Unha enferma moi intelixente (por iso non está diagnosticada) cun currículum destacadísimo, que, tras aprobar varias oposicións Grupo A, adícase a artellar acusacións infundadas pero maquiavélicas contraaqueles lle deron a vida. Só agardo que o sufrimento que lle está a causar aos seus pais, consiga traer axuda a esta pobre e por fin consiga algo que alivie a súa inquedanza destructiva...
Non sei se hai algo máis triste que unha enfermidade mental.

Fraga non debate

O Presidente de tódolos galegos anunciou que non debatirá cos que lle poden amargar a cuarta idade. Non e estrano. ¿Acaso debatiu algunha vez algo? (non se admite como debatir a negociación de prebendas con Baltar e Cuiña).
Seguramente, nun debate televisivo non quedaría telexénico acabar una frase con un "y punto".

segunda-feira, abril 25, 2005

Aniversario, data fermosa

Tal día coma hoxe de 1974 comezou a Revoluçao dos Cravos. Hoxe era festa en Portugal e notábase ben. Estaba Badajoz cheo de portugueses gozando do día libre.

No Martini, no party

Diciamos onte (ou cando fora) que Ratzinger tiña un clube de fans ben aqueladiño coa súa páxina web e todo. Ben organizado, que por algo é alemán (tooooma tópico). Non sabiamos moi ben se este apoio mediático tivo algunha influencia na súa elección ou se foi a tradicional constatación de que as ás dereitas do espiritu santo pesan máis que as esquerdas.
Onte me enterei de que o Cardenal Martini tamén tiña os seus fans. E vese que eran uns cachondos, destes que cando están contentos celebran con Martini e cando están tristes afogan as súas penas en Martini.
Para os que non sexan angloentendentes, ven a dicir "sen Martini non hai festa :)". Ha de ser porque o propio Martini propugnaba que a Igrexa Católica precisaba novos puntos de vista sobre a sexualidade.

domingo, abril 24, 2005

Photolog

Acabo de descubrir o fantástico photolog (páxina persoal de fotos) da señora dot. Chámase O xardín do pelagato's e suxirolles a todos os que non o coñezan que lle boten unha ollada. Hai unas fotos de flores que me gustaron moito. Tamén poden leer a señora dot en O quilombo.

sexta-feira, abril 22, 2005

Moranquismo

Ata que fun vivir ao sul, nunca me fixeran gracia os Morancos. Agora non é que me apaixoen, non adoito a ver ningún dos seus programas, pero non podo evitar que se me escape un sorriso algunhas veces: hai parte da realidade de aquí e de acolá que son moi parecidas ás historias do dúo.
Agora mesmo, tomo café tódolos días nun sitio que tamén ten esta condición. As camareiras se chaman Vero e Vane e, sobre todo a primeira, sería digna protagonista dun Moranco's show. Berrea dende a barra os últimos chinchorreos, e un dos meus compañeiros, que é moi flamenco, respóstalle co mesmo ton: "Verooooo, que a esta muchacha se le va a quedar la tostá en la garganta si no le traes el café en la próxima media horaaaaa".
Venden case de todo: pan, pasteis, revistas e xornais, latas de refrescos... Hai un carteliño que prohíbe ler as revistas que un non vaia mercar, e esa prohibición excita o inmediato desexo de quebrantala... con resposta da moza dende a barra botando o responso.
Cando a Vero non está, ven seu irmán, que é unha versión "queer" da propia Vero, ainda que menos gritón.
O curioso do moranquismo é que é contaxioso: miramos ansiosamente o Hola para que a Vero nos pegue un par de berros, que son máis de condición humorística que de bronca propiamente dita: somos demasiado bos clientes como para que os berros vaian de veras.
Máis rosal

terça-feira, abril 19, 2005

Habent papam

Hai uns días, ese estupendo blog que leva El Gran Mimón, anunciaba ao mundo a existencia dun clube de fans, con páxina web e todo, de Ratzinger (ai, que pouco nos queda de chamarlle así), cal se estrela de grupo pop se tratase.
Parece que os rapaces apostaron por cabalo gañador e agora mesmo o temos trasmutado en Benedicto XVI (por un lado non está mal, a ver que rimas lle topan ao nome os da guitarrita).
Polo menos non nos poderán vender a moto de que se loitou contra o nazismo e tal... Porque este foi soldado cos nazis. Pouco tempo, pero...
Supoño que estou un pouco cabreada porque me fodeu a siesta. Pero é un alivio que non sexa de Vilalba...

segunda-feira, abril 18, 2005

Vaia!

Hoxe leo unha estadística que, se ben non me sorprende, tampouco me agrada. Parece ser que os extremeños son os que menos len do Estado (32% frente ó 49% da media estatal), os que menos música escoitan, os segundos que menos van ao teatro (e se non chega a ser polo Festival de Teatro Romano de Mérida...), os que menos van ao cine (un 59% afirma non ter ido nunca), os que menos museos visitan e só suben da media en ver a televisión. Tamén parece que van máis a cotío aos touros...
Non sei se preocuparme: estadísticamente son extremeña...
En fin, non creo que ninguén se ofenda: este blog está en galego e, ademáis, parece que tampouco se conectan moito a Internet (só o 10%, a metade da media nacional).

domingo, abril 17, 2005

Inferno

Dante cobrou contas cos seus inimigos no Inferno da súa Divina Comedia e parece que lle deu resultado. Como non son Dante nin nada que se lle pareza, aforrareille os castigos e torturas que lle tocaban os que mandaba para alá abaixo, pero... vou adicarlle unha mensaxe a un personaxe que me cae particularmente mal.
A miña teima non é de todo xustificada, xa que aprobei Civil con él sen problema ningún. Quizáis sexa porque se cre guapo. Ou porque cando era axudante e andaba a facer os recadiños polo departamento, aceitaba sen chistar as broncas públicas que lle botaba a titular da materia cando chegaba tarde... Un ano despois, xa máis seguro de si, quitaba a americana na clase e dicía, sorrindo ás nenas de primeira fila "chicas, no os importa que me quite la chaqueta ¿verdad?". Un par de anos despois, parece que pasou a ser unha luminaria do Dereito e nomearono director da EGAP (Escola Galega da Administración Pública). Curioso, porque supostamente a súa especialidade era o Civil e non o Administrativo, pero son as cousas que ten ser familia de... Máis tarde o volvín a ter de ponente nun Curso sobre a Lei de Dereito Foral Galego. Unha hora falando do guai que era que por fin se aprobara a lei, que houbera acordo para a lei... pero sin mencionar nada do contido da mesma. Menos mal que logo viñeron profesionais...
Non me extraña que lle dean agora a "medalla de honor" da Asociación para el estudio del Derecho de Autor...
Teño a certeza de que ainda lle adicarei algunha mensaxe máis. Seguirá a ascender, non teño dúbida.

Sobre o tema de "moda"

Parece que non tódolos autores concorda coa opinión de Jaureguizar sobre o tema e velaí vai unha lista dos que asinaron o manifesto en prol do préstamo libre en bibliotecas (varios autores galegos), no ámbito das Jornadas contra el Préstamo de Pago en Bibliotecas, que xa van cara a súa segunda edición. Na páxina ligada hai varios documentos nos que se artella teóricamente a posición dos que están contra o canon.
Por certo, e xa que tanto se invoca a normativa europea para esixir o pago do canon, notemos tamén que hai unha campaña europea que tamén anda dar batalla sobre este asunto.
Agora estou a pensar... ¿terei que pagar canon pola ligazón?
Glups.

sábado, abril 16, 2005

Disque se pode atopar un galego en calquera lugar

Ata na casa de John Lennon había unha, de Pontevedra, que agora publica un libro contando a súa experiencia traballando para a familia. A ver se lle quita a fama de mala a Yoko Ono, que xa aburre...

Tiñan razón


Os que recomendaron desde os seus blogs, páxinas, foros... "Entre copas" . Divertidísima peli, que me agradou especialmente polo argumento, arredor do viño, das adegas e da xente que o bebe. Ao contrario que o protagonista, a min sí que me gusta o Merlot.
Ainda que nada coma unha copa do albariño que fan meus pais (agardo por una caixa en compensación pola publicidade de balde).

Do noso rosal...

terça-feira, abril 12, 2005

Non é un blog político... creo

De marcha por aí topo que desde a páxina de futurcatala teñen unha ligazón ao meu blog baixo a etiqueta de "blogs políticos". Nunca pensara que este o fora ¿quizais puxeron a palabra Fraga no google e coincidiu algunha das miñas mensaxes? E todo caso, graciñas pola ligazón. Non parece mal lugar para ter unha a páxina esa...



Actualizado dous minutos máis tarde: non é preciso que merquen unha lente de aumento para miralo, o certo é que a captura vése moito peor do que eu agardaba.

segunda-feira, abril 11, 2005

84, Charing Cross Rd.

Merquei este libriño sen coñecer nada del que non fora que había unha adaptación teatral do mesmo que anda rondando por aí, atraída únicamente polo seu título, que suxería algo vencellado ó mundo do libro, xa que esa rúa está cheíña de librerías e cando fomos por alá fuchicamos todo o que nos deu tempo.
O certo é que ao mirar a lapela e ver que era unha colección de cartas reais, e non ficción literaria, non souben qué pensar, fiquei algo decepcionada. Pero cando levaba vinte páxinas xa estaba totalmente enganchada. As cartas móstrannos un anaco de vida, unha sutileza nunhas relacións que pasan de ser comerciais a formar unha especie de amizade a distancia baseada no respeto, o amor ós libros e a boa fe de varias persoas que consiguen poñerlle algo doce á vida dos outros, con un pequeno xesto. Fíxome pensar nalgunhas persoas que coñecín a través de Internet, especialmente no asunto universitario e parece que non mudou tanto o mundo... Certo que os emails no son tan románticos como as cartas, pero... as veces tenden pontes entre persoas que nunca terían oportunidade de coñecerse sen eles.
En fin, recoméndolles o libro a todos.

sábado, abril 09, 2005

Les miserables

Hai un fulano que fixo unha web para salvar da morte ao seu coello. ¿Parece bonito? Pois non. Resulta que o tipo di que ten pensado matalo e comelo o 30 de xuño se ata esa data non lle ingresan na conta 50.000 dólares.
Pero hai outros miserables, que ademáis son estúpidos, que xa lle levan ingresado 20.000 dólares. Parece que o final Toby pode chegar a salvarse. ¿E qué? ¿Qué diferencia hai entre Toby e calquera outro animal ó que se mata para comer? ¿Será por qué é, según o jetas que leva a páxina, o coelliño máis "cute" do planeta? Para colmo vende ata obxectos conmemorativos, coma se fose unha voda real ou un terremoto en Los Ángeles (deses do Primeiro Mundo nos que non morre ninguén).

sexta-feira, abril 08, 2005

Lady Veas Delgadas

Odio as agullas. Detesto que me quiten sangue. Adoito a marearme e perder o sentido. Tardan moito en atoparme a vea e sempre volto a casa cun morado no antebrazo, por suave que fora a experiencia.
O martes fixen unha analise, sobre todo para manter á paz conxugal (hai un ano que prometín facelo...). Se fosemos un pouco máis bobos diríamos que era case romántico: parella que se extrae sangue xunta... Non estuvo mal, polo menos relaxábame saber que se me desvanecía non ía ter que conducir ata o traballo. E o enfermeiro foi moi hábil tardou moi pouco, ainda que flipou coas miñas veas. O morado xa case está amarelo e ten pinta de durar pouco.
Hoxe fomos buscalos resultados e, xa se sabe: á que non quere caldo, sete cuncas.
Resulta que se esqueceron de poñer os resultados do colesterol e... hai que repetir.
Dentro de dez días.
Iso sí, queda como aristocrático o de ter a as veas finas ¿non?

segunda-feira, abril 04, 2005

E agora... música

Isto non é un blog musical: hainos por aí moi bos, escritos por xente que sabe moito do tema como para que eu me poña aquí a recomendar cousas.
Pero esta ocasión non podo deixala pasar sen dicir nada... porque:
a) Son moito menos coñecidos do que merecen.
b) Porque fan discos nos que non sobra nada.
c) Porque cando escoitas unha canción deles, ten a súa pegada particular.
d) Porque (isto non o comprobei personalmente, por desgraza) din que en concerto son realmente bos...
En fin, podería seguir falando moito máis, pero: ¡¡¡¡HOXE SAE A VENTA O NOVO DISCO DE I AM KLOOT!!!!
A portada, un pouco freeky... pero, despois da de Natural History, xa non se asusta unha de nada.

domingo, abril 03, 2005

Vergoña (sen)

Da a sensación de que o Primeiro Ministro xaponés queira afastar do seu povo esa imaxe de xente reprimida e mirada coas convención. Aquí o vemos (a foto está collida do blog de Micko, un dos meus favoritos), ¿axudando? ao ex-guapo (que, por certo, se chama Tiffany de segundo nome ¿quererá iso dicir algo?) a promocionar a súa peli Shall we dance? Non é que pensara ir vela, pero agora xa estou certa de que non.
A verdade é que tampouco fan tan mala parella. Se o imaxino con Fraga... queda peor.

Blogs raros

Algo que me diverte é axexar na procura de blogs pouco habituais. Salgo de caza e de vez en cando atopo algún que realmente me gusta. Pero tamén un catálogo de "raros" que me fai sorrir. Raros para min, claro (no meu blog, o meu criterio, polo menos, mentras alguén non o retruque).
Así por exemplo, hai un cura que ten un blog... e tivo a pelegrina idea de chamarlle Mar adentro. A súa lista de ligazóns é digna de verse.
Doutra caste é Patrulla Nocturna, escrito por un policía que conta cousas do seu traballo. Unha mágoa que parece ser, polo que lin, munipa... e non podo con eles. Pero o rapaz ponlle ganas e ás veces da a sensación de estar lendo Canción triste de Hill Street... cando o que está contando é un control de alcoholemia de pura rutina.
Abraiada me deixou Odio a la novia de mi hermano, blog que naceu co obxectivo da autora de desafogar dun xeito pouco perigoso da xenreira que lle gardaba a moza do seu irmán e que, como se fora un culebrón de moitos capítulos, foi perdendo o seu fío argumental conforme a autora foi gañando en éxito amoroso. Neste momento da "película" empezo a pensar que a rapaza anda a copiar unha novela de Corin Tellado e aplicándoa a ela e o seu xefe...
En fin, terei que pensar en abrir una sección...

This page is powered by Blogger. Isn't yours?