quinta-feira, fevereiro 23, 2006

Veciños


Naqueles tempos da miña mocidade puñan unha serie australiana na galega que se titulaba Veciños. Teñoa mirado algunha vez. Era curiosa de ver, porque saían Kylie Minogue, que xa andaba por aí a cantar (os episodios que emitían tiñan uns anos de desfase) e Jason Donovan (que naquel entón era alguén). Disque tamén saía Russel Crowe, pero non me lembro del. Estes neighbours, everybody needs good neighbours, vivían nun barrio de casiñas. Nunca se me ocorrera que eu ía vivir algunha vez nun barrio de casiñas tamén, certamente, máis achegadas que as da serie australiana. Unha cousa peculiar dos barrios estes de casiñas, que non adoita a reflectirse na TV ou no cine é a tendencia ao tunning que lle da á xente: aos normais dalles por expresala a través da xardinería, con resultados en xeral agradables. Pero hai outros... hai outros... en fin, ananos, macetas con forma de caracol, farolillos rococó e calquera outra cousa que atoparan por aí. Pero creo que o veciño que leva o premio ao máis (poñan vostedes o calificativo) e o da casiña da foto. Había tempo que a quería poñer, pero dábame vergoña ir a quitala. Despois pensei que se a él/ela non lla dá...

terça-feira, fevereiro 21, 2006

Caché

Onte fomos ao cine a ver Caché, de Michael Haneke. Gostamos da peli que, en parte, é como a vida: insegura, incompleta e tamén trampona. Quizáis por iso na peli poden rebobinar e mirar outra vez que pasou. Na vida quedamos coa lembranza inexacta e incompleta e, mesmo as veces, acabamos reelaborando tanto un feito pasado que chega un punto que non sabemos de certo se ocorreu así. Penso que nese sentido ten razón F. Míguez ao Apuntar para non esquecer. Está claro que Haneke fai trampa varias veces na peli, porque agacha cousas do mesmo xeito que, outras veces, as revela. Pero, ainda así, saimos bastante fascinados, ninguén moveu nin un músculo ata que acabaron de todo de todo os créditos. Tamén é certo que eramos 20 no cine...

segunda-feira, fevereiro 20, 2006

Veña, veña, veña, todos a declarar

Son da opinión de que o realismo máxico que practicaban coma opción literaria algúns autores do boom latinoamericano funcionaba, precisamente, porque o lugar escollido para esas historias era Latinoamérica. As dúas veces que viaxei por alí tiven a sensación de calquera cousa pode pasar e boa parte desa impresión viña dada polas escollas que fan os latinos na lingua, moitas veces en carteis e lugares públicos. Por exemplo, recordo unha barbería cutrísima nun garaxe, que levaba de nome "Executive's barber", un cartel anunciando "agricultura urbana" nunha rúa dunha grande cidade ou mesmo oír como lle chaman ao peso cubano, "el peso más ligero del mundo". Por iso, teño a teoría de que se un país que ten uns Xulgados aos que denomina oficialmente, sen cortarse un pelo, "Juzgado Promiscuo Municipal" é un lugar no que pode pasar de todo... E de feito, disque pasa de todo.

domingo, fevereiro 19, 2006

Tres ratos cegos...

Fun mirar La ratonera ao teatro hai un par de días. O Radical andaba de periplo galaico, así que non puido vir. Non perdeu moito, non gostei moito da adaptación. Ainda que un poida divertirse cunha obra de Agatha Christie, non creo que o ton axeitado sexa convertila nunha comedia: na miña opinión debería producir certa inquietude e iso só o acadaba cando tarareaban a cancionciña de marras. Polo demáis, fixeron tan ridículos aos personaxes que cando quedaban dous deles sós nalgunha estancia, máis ben parecía probable que un deles botase a chorar que se puxera matar ao outro... Ainda así, había moitísimo tempo que non ía ao teatro e foi boa cousa matar o mono. Agardo que haxa máis oportunidades de facelo e, se non é agora, cando se verifique o traslado case seguro que as haberá. Onte actuaba tamén Rosana, pero, se xa tiña dúbidas de ir cando pensaba que era gratis, coma para sacar 22 euros do peto que é o que custa a entrada...

quarta-feira, fevereiro 15, 2006

Consecuencias do terremoto


O outro día contaba por aquí que houbera un terremotiño. Uns días despois atopamos isto no chan do salón... e antes non estaba, que limpamos pouco, pero non tan pouco como para non ternos decatado. Non llo conten aos posibles futuros compradores.

segunda-feira, fevereiro 13, 2006

Exposición

Non pensen que estes días de silencio foron de reclusión absoluta: o de ter exames esmagou os meus miolos, máis non as ganas de andar por aí. Así que, coa invitación dunha amiga galega que anda moi ben instalada por aquí (é o que ten ter mozo pata negra e non traballar o producto galaico, coma fago eu), fomos á inauguración dunha exposición de fotografía na Escuela de Artes. O que teñen as inauguración é que hai tanta xente que non se pode mirar as fotos... Por fortuna, quedamos ata a fin e puidemos gozar do Silencio Jondo de Ceferino López. Ademáis, en Extrema e Dura sempre hai que quedar ata o fin... (e cando se deixan de canapies pamplinosos e sacan o xamón).

domingo, fevereiro 12, 2006

Recuperando a fala (ou a escrita)

Xa vin que algún se decatou de que andei ausente... Houbo bos motivos: a combinación da semana na que tiña o meu segundo exame (o xoves) coa asistencia a dous (martes e mércores) xantares de despedida do xefe resultou ser letal para a miña vida. Non é que non tivera tempo para escribir, e que quedei sen discurso... E non era cousa de agobiar aos meus presuntos lectores co impacto da poética de Wilfred Owen nos movimentos antiguerra ou debullando a relevancia e simbolismo da cor en Heart of Darkness... Xa liberada da carga mental por aquí seguirei coas miñas teimas.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?