Correo
Ligazóns a outros blogs
- A canción do náufrago
- Alfaias
- A Lareira
- A Picara de Allegue
- Apunta para non esquecer
- Aranheira
- Al Calor de la Lumbre
- A Regueifa
- As Crónicas Prusianas
- As túas balas
- Beliscos Pequenos
- Bretemas
- Cabaseira
- Capitulo 0
- Casatlantica
- Cenicienta Proletaria
- Colineta
- Costa dos Arrieiros
- Cousas de Imeneo
- Cousas deste Tempo
- Delirios
- Desbarradas de Akin
- Dias estranhos
- El Casino
- Endurance
- eueoseeuu
- Facendome o Sueco
- Falabarato
- Fíos Invisibles
- Futuro en Ruinas
- Gradicela
- Haicu
- Mi vida como un chino
- Modesto
- Naraio Nazón
- Nemeth
- Noites de lúa neghra
- O Blog dos Pelachos
- O Enigma Albixoi
- O Ollo da Vaca
- Opaco
- O Pitiño
- O Quilombo
- Orballo
- O Reverso
- Os tempos que corren
- Paparruchas
- Polvo á Feira
- Predicando en el Desierto
- Rabudo
- Rei de Copas
- Si Home Si
- Tardes Xeadas
- Trosma
Xa van alá...
terça-feira, janeiro 31, 2006
Retornados
Meus amigos T e B marchan de Lisboa, voltan a Galiza. Parece que van montar un sitio de petiscos en Santiago. Xa lles farei propaganda cando abran e saiba os detalles. Estou contenta por eles, ainda que me confortaba telos tan cerca de aquí, sabendo que calquera fin de semana podiamos visitarnos mutuamente. Iso fíxonos falar ao Radical e a min das posibilidades reais de retorno que temos. O panorama é complicado: ao Radical saironlle este ano en Galiza -4 prazas na súa especialidade e, dado que en Galiza hai uns 8 anos que non hai oposición, é o ultimo dunha lista de cento e pico. Vaia, un panorama alentador. O meu non é moito mellor, ainda que, probablemente, en 5 anos ou por aí podería ter opcións reais de aterrar na Ría de Arousa. O que pasa é que persiste a dúbida de cómo seremos dentro de tantos anos, de se teremos ganas de voltar a vivir alí, de se non seremos xa máis expatriados que emigrantes... Eu por se acaso, botei o Euromillón esta semana.
segunda-feira, janeiro 30, 2006
Manías ¿eu?
Veña, aí van as cinco manías:
-Con respecto aos estudos teño miles de manías, que van mutando coma virus: hai tempadas nas que son incapaz de avanzar un paso sen facer fichas (sempre do mesmo formato, claro), outras teño que ter un tipex ao lado para ir corrixindo os erros/tachaduras/borróns que vaia facendo nos resumos, outras simplemente preciso ter tres bolis iguais enriba da mesa... Agora mesmo, estou en fase pilot negro, azul e vermello e un lápis para poder facer algo a dereitas.
-Polo menos, na miña casa ten que haber tres tipos distintos de té.
-No traballo, sempre axusto tódolos documentos, corrixo os erros dos modelos, personalizo o xénero da persoa á que vai dirixida, se é unha empresa engado "social" á palabra domicilio. En fin, que son moi tiquismiquis. Para min non é raro, pero é que os meus compañeiros non o fan, así que sempre o oculto coma se fose algo malo... Considéroo unha manía porque me pon nervioso non facelo e iso indica unha certa compulsión.
-Cústame polo menos quince minutos espertar de todo... Pobre do que intente meterme présa neses quince minutos. Diso poden dar fe miña nai (que é coma unha nena hiperactiva, non pode deixar nada para dentro dun pouco...) e o Radical, que de cando en vez recibe algún exabrupto por iso.
-Sempre rompo as cadeas, así que non lle paso esta a ninguén...
Neve
Aproveitando San Profe, marchamos para Córdoba cunhas amigas do Radical. Era coma un chiste, alá nos atopamos unha abulense, unha de Badajoz, unha portuguesa e dous galegos. O clima traía sorpresas: chuvia a mazo en Córdoba o primeiro día e neve á volta. As rapazas quedaban un día máis, pero nós aproveitamos para baixar e quitar unhas fotos ao olivar nevado. Era bonito de ver cómo ían caendo de vagar as folerpas desde as polas das árbores. Moita xente foi ao campo a mirar o espectáculo. Levaban aos nenos, pero non se sabía quén gozaba máis. Todos saímos dalí co sorriso posto e cuns bolazos no lombo.
terça-feira, janeiro 24, 2006
Génova, tenemos un problema.
O Pepé tenche un problemiña ben fodido coa coña do Estatut, unha dicotomía que lle está a facer saír canas a máis de un: o malo é, que ainda que saquen peito na defensa da idea de Ejpaaaña única e tal e cual, o que persiguen os cataláns co Estatut é o máis de dereitas que poida imaxinar un. Todo o rollo "nación" é un trapiño vermello dos que lles poñen diante aos touros... para ceder e, á fin, quedar cos cartiños.
Para o PSOE non é unha eiva: históricamente, non lle custa votos tomar decisións de dereitas, o que lles adoita a custar votos é comportarse coma señoritos de dereitas de toda a vida... Pero o do Pepé é outro cantar: resulta que iso que alporiza tanto a Rajoy é tan de dereitas que varios dos seus presidentes autonómicos queren un Estatut para sí (non importa que diga "Nación" ou non), a Espe quere un, o valenciano tamén. Tódalas comunidades autónomas ricas queren ser máis ricas e quedar con máis cacho diso que recadan de máis por ser os máis mellores. Colateralmente, ao ter que ceder menos pastel ás comunidades máis pobres, a man de obra barateira que estas sempre lle proporcionaron, será máis barata e máis submisa se for posible. Pero xa dixeron que van ser moiiii solidarios con esas comunidades, igual fan unha fundación desas modernas que contratan infantas (ejpañolas...).
¿Farán un casting para substituir a Piqué? Porque a ver quén apanda...
segunda-feira, janeiro 23, 2006
Tremeu o chan
Onte polo serán houbo un terremoto aquí. Ben, o epicentro estivo en Feria, unha vila entre Badajoz e Zafra (a uns 15-20 kms. de Zafra) que resulta ser un dos lugares aos que máis levamos aos pringaos que asoman por aquí a nos visitar. Eu andaba cos colegas nun local novo que abriron aquí e que todos coincidimos que estaba moi ben e non nos enteramos de nadiña. Pero o Radical marchara antes para a casa, porque tiña exame hoxe pola mañanciña, e seica tremeu todo. Cando voltei, quedou abraiado de que nós non nos decatasemos de nada, porque seica foi similar en intensidade aos que houbera na Galiza hai uns... ¿8-9 anos? Seguro que todos temos anécdotas deses terremotiños... A ver se atopo algunha foto de Feria para poñer por aquí, que é un lugar espectacular.
segunda-feira, janeiro 16, 2006
Solucións prácticas aos problemas cotiás
Disque unha fatwa acaba de pronunciarse no senso de que manter relacións sexuais espidos invalida o matrimonio. Hai outras opinións, seica máis moderadas que din que non hai problema maior en espirse, sempre que non se miren as "partes pudendas" (momento século XV...) e tal. Eu penso que, en realidade, o que ocorre é que, coma en tódalas sociedades, vai ser que teñen un número importante de morbosillos, que gostan de andar a remexer nestes temas e de xogar ás prendas como esparcimento. Para os da versión moderada, o modelito da foto igual lles vai ben como complemento baixo-chador de última tendencia. Especialmente, acho que o negro garda máis a uniformidade cromática e xa se sabe que o negro sempre viste...
domingo, janeiro 15, 2006
Fume: estado da cuestión...
Pasan os días e a oficina segue a estar libre de fume. Os fumadores saen fóra ao parque que hai xusto fronte do choio. O venres houbo unha novedade: un dos da oficina de enfrente veu comentar se había algún problema en que fumasen na cochera (aquí na Extrema non hai garaxes...). Xuraban que pecharían as dúas portas de comunicación co resto do local. Dixemos que sí, que non había problema ningún en que o fixeran. Cando marchou (o rapaz que veu falar non traballa con nós e tampouco era dos peores: supoño que os nosos dous nin se atreveron a vir pedir nada) comentabamos o paradoxo: hai un mes, non pedían permiso para botarnos o fume na cara, hoxe preguntan ata para fumar nunha dependencia que non emprega ninguén.
quinta-feira, janeiro 12, 2006
Cría fama...
Levo unha vida aburrida, supoño. Vaia, non é que eu estea aburrida, ao contrario, son unha persoa feliz... Pero se relatase a miña vida en plan axenda, quedariades todos durmidos antes de chegar a cuarta entrada. Vivo lonxe da miña xente, a miña parella vive fóra da casa case toda a semana, e meus amigos andan espallados polo mundo e parindo sen parar. Aquí xa visitei turísticamente moitos sitios interesantes, esta vila-con-pretensións non é precisamente un lugar social nin culturalmente estimulante, estudio a distancia unha carreira con poucos alumnos, así que non hai moita relación social que sacar de aí e socializar cos clientes está totalmente fóra de lugar no meu caso. No último ano trabei boa relación co único colectivo (case) que queda sen facerse dalgunha secta (hai unha estilo hindu por aquí que teñen vidilla, pero só che deixan comer cousas verdes e crúas) e moitos días quedo cos compañeiros de traballo (entendido en sentido amplo) para tomar unhas cañas e botar unhas risas. Nos últimos tempos, a relación estreitouse e quedamos máis a cotío. Nun colectivo coma o noso, duns... 50 traballadores, este feito non pasou inadvertido. O outro día, o segurata que nos "coida", preguntou se marchabamos algún de nós no vindeiro traslado. Ao respostarlle que sí, comentou "así que se va a disgregar la cuchipandi". Ao parecer temos fama de juerguistas impenitentes e de que andamos sempre de troula en troula. Qué cousas... vése que hai vidas ainda máis aburridas.
quarta-feira, janeiro 11, 2006
¿Contra Comic Sans?
Hai por aí unha campaña contra o emprego disque abusivo do tipo de Letra Comic Sans. O luns andaba a ler cun sorriso a páxina dos instigadores. Casualidades da vida, o martes pola mañá ocorre un feito que me convirte en crente respecto de esta campaña: cae nas miñas manciñas unha demanda de separación contenciosa (estas nas que un pelexa polo rosario da sogra) redactada íntegramente con esa fonte. Supoño que se podería considerar un uso abusivo, sí, semella coma se o avogado/a se estivera a coñear do rollo. Falta de decoro poético...
segunda-feira, janeiro 09, 2006
Cando falla a boa vontade, ás veces funciona a lei
Levo un ano e pico traballando no mesmo sitio. Unha oficina de 9 persoas, 4 delas fumadoras. Dúas fumadoras nunca precisaron de lei ningunha: sabían que fumar nalgún dos tres cubículos de 9 metros cadrados de que dispoñemos molestaba aos demáis e incluso a elas mesmas e non fumaban alí. Cos outros dous fumadores non houbo xeito: nin súplicas, nin razoamentos, nin educadas peticións, nin cabreos, nada valeu para que un dos cubículos deixase de ser un lugar cheirento, no que mesmo algún dos nosos clientes comentaba que cómo podía haber tanto fume. Disque a lei non ía arranxar nada... Ben, non teño interese ningún na parte da lei que fala dos bares: se nalgún bar non me gusta o ambiente, marcho e xa está. Pero do choio un non pode marchar (bueno, a fumar fóra sí que pode...). E no meu choio a lei arranxou a situación de falta de respecto sistemático aos demáis e mesmo de falta de respeto a regulamentos xa existentes (xa estaba prohibido fumar e, ademáis, unha desas 9 persoas esta embarazada de 8 meses). Moitos dos fumadores que coñezo non precisan esa lei: son xa persoas respectuosas de por sí. Algúns sentíronse ofendidos con ela. Non creo que sexa un enfoque axeitado: case ningún precisamos para nós mesmos as leis que proscriben o asasinato...
domingo, janeiro 08, 2006
Tazas do mundo (I)
Ben, do mundo ou da miña casa, por poñer un exemplo. Non sei se tazas e correcto en galego (no meu, sí), pero non son quén de chamarlle ao da foto unha "cunca". As cuncas son de caldo, de viño, mesmo para o almorzo... pero non, non son quén de usar cunca para os cazolos (ben grandes) nos que tomo o té. Irei poñendo algunha de cando en vez, porque son un deses obxectos que forman parte íntima da miña vida cotiá. Merco tazas ainda que non as precise: se gosto delas, alá van. Este Nadal merquei dúas en Ponteareas, serán as do capítulo II.
quinta-feira, janeiro 05, 2006
Mentres non estabades...
Ou non estaba eu, qué máis dá... O caso é que estiven na Galiza visitando á familia e amigos, malcriando aos sobriños, tentando de coñecer ás novas adquisicións que fixeron os amigos (foi posible ver a cariña de Irene, e mesmo arrolala un pouco no colo; non chegamos a ver a Icía, que tamén acaba de asomar a cabeciña hai menos dun mes e xa ten algo de qué preocuparse: os cólicos). Un día decidimos ir ata Santiago, coa excusa da expo de Frida Kalho. Houbo sorte: comemos na Quintana e ás catro xa estabamos na porta, así que aforramos ás filas. Non estivo mal, pero a sensación de conxunto foi que moita foto e pouco cadro. Ademáis, só gostei realmente dos retratos, que me pareceron cheos de cousas que escapaban polos ollos fixos da retratada. Os demáis deixaronme bastante fría. De tódolos xeitos, espero que sigan traendo máis "excusas" para voltar a Santiago, porque foi un día estupendo. Fomos ao María Castaña a ver a Xan e, coma sempre, o reencontro foi emotivo e co aliciente especial de que nos íamos ver con toda seguridade no xantar do 31. Aproveitamos para que o Radical probase o tiramisú de castañas, especialidade da casa e unha das miñas sobremesas favoritas. Contounos os últimos chinchorreos composteláns e tivemos oportunidade de ver en directo a influencia de Air Berlin sobre a economía compostelana...
terça-feira, janeiro 03, 2006
Antes de nada
Xa estou de volta, e seguramente, van ter máis ración de Hai Cada! ca antes das vacacións: non o teño constatado empíricamente pero sospeito que trouxen enriba (bueno, dentro) do corpo un par de kilos de materia orgánica galega. Iso sí, ben rica, que eu non son das que engordan por comer hot dogs e patacas fritidas de bolsa. Xa que logo, inmersa nese momento Bridget Jones que toca sempre nestas datas, vou facer pública a lista de propósitos para o 2006:
-Facer "algo" de deporte...
-Tratar de presentarme con certa dignidade a esas materias para as que formalicei a matrícula. Para non volverme atrás, deixo por escrito que para este cuatrimestre teño Pensamiento y Creación Literaria en la primera mitad del Siglo XX, Semántica y Lexicografía, Lengua Inglesa: usos específicos (English for Law), y Segunda Lengua y su Literatura II: Alemán. Dito queda.
-Pedir dunha puta vez as convalidacións das materias de libre configuración, que xa vai sendo tempo.
-Ir a Thailandia.
-Ir (polo menos unha fin de semana) a Cádiz a ver ás amigas.
-Non pasarlle nin media a P. Xa abondou co reparto "progresista" do traballo ("tu registras, que yo tengo mucho trabajo" -> "trabajo" en castelán-manchego debe significar "xogar ao solitario", polo que se ve...).
-Ter máis paciencia con A. Tampouco ten a culpa, o pobre... (pero como volva a preguntar cómo se multiplica por 0,3... non sei!!!!).
-Facer "algo" de deporte...
-Tratar de presentarme con certa dignidade a esas materias para as que formalicei a matrícula. Para non volverme atrás, deixo por escrito que para este cuatrimestre teño Pensamiento y Creación Literaria en la primera mitad del Siglo XX, Semántica y Lexicografía, Lengua Inglesa: usos específicos (English for Law), y Segunda Lengua y su Literatura II: Alemán. Dito queda.
-Pedir dunha puta vez as convalidacións das materias de libre configuración, que xa vai sendo tempo.
-Ir a Thailandia.
-Ir (polo menos unha fin de semana) a Cádiz a ver ás amigas.
-Non pasarlle nin media a P. Xa abondou co reparto "progresista" do traballo ("tu registras, que yo tengo mucho trabajo" -> "trabajo" en castelán-manchego debe significar "xogar ao solitario", polo que se ve...).
-Ter máis paciencia con A. Tampouco ten a culpa, o pobre... (pero como volva a preguntar cómo se multiplica por 0,3... non sei!!!!).