sábado, Maio 26, 2007

Desde agora...

Novo caderno en:
haicada2.blogspot.com

sexta-feira, Abril 21, 2006

¿Móvese algo en Cambados?


Entérome a través de meu irmán da iniciativa que levou adiante unha parte da mocidade cambadesa e outros non tan mozos pero coas mesmas ganas de actividade o pasado 1 de abril: o macrolimpadón. O obxectivo desta convocatoria era chamar a atención sobre a cantidade descomunal de merda (non creo que haxa outro xeito de chamarlle) que se acumula na costa de Cambados, coa absoluta inactividade do Concello ao respecto. A asociación Polo Noso, a comparsa Unha Grande e Chea (que están en todas, sexa para a troula ou ata para currar) e a asociación Croio de Narón adicaron a mañá a recoller lixo e, como parte desta actividade reivindicativa, xuntáronno na pista de patinaxe para facer visible o problema, tal é como vemos na foto, collida da páxina "crítica" de Cambados. Un rapaz da familia política de meu irmán comentou que, mentres limpaban, uns cantos vellos berrábanlle "rojos!!!!". Ogallá que llelo chamen moitas veces máis.

quarta-feira, Abril 19, 2006

Unha historia linda e nosa

Trala ausencia vacacional, aquí me achego outra vez a este caderno, esta vez motivada por unha historia que lin hoxe en El País. Co gallo do aniversario da suceso, conta cómo os veciños de Carnota salvaron a vida dos tripulantes dun buque da Armada que estaba a naufragar nas súas costas. Botáronse á mar coa absoluta valentía que hai moi pouco tempo vimos nos mariñeiros da Illa de Arousa, que recollían chapapote cos dentes se facía falta... Unha das mellores partes da historia (aparte da que conta que salvaron a vida) é a que conta Juan Manuel Gómez, que tiña 17 anos naqueles tempos, e que cando lle preguntou un dos tripulantes "¿qué tierra es esta", contestoulle en galego "esta unha terra moi bonita".
Polo menos, saimos na prensa para algo que non ten nada que ver co narcotráfico, que xa é unha novidade.

quarta-feira, Abril 05, 2006

Misterios da existencia

















Este dous homes naceron o mesmo día, do mesmo ano. Que expliquen o fenómeno os que entendan de horóscopos...

quarta-feira, Março 29, 2006

Unha "pequena" nova experiencia

O domingo viaxamos a ver a unhas amigas a Guadajira, non moi lonxe daquí. É un povo moi pequeno, uns cincocentos habitantes din as estatísticas. Pero o novo no era iso, senón o feito de seren un povo de colonización, creado nos anos cincuenta ao amparo de Plan Badajoz. Povo blanco, coma tantos outros, cunha igrexia grotesca que retransmite badaladas enlatadas por un altofalante, sen ningunha edificación con visos de antigüidade. Houbo, sen embargo, unha cousa que chamou a nosa atención: había rúas sen fachadas, é dicir, íanse alternando as rúas que daban á parte dianteira das casas, coa súa porta principal e as ventás, con outras (paralelas ás mesmas) onde só habían una especie de porta de servicio. Estas últimas rúas parecían mortas, non se vía a ninguén por alí, nin siquera carros aparcados. A rapaza que coñecemos que está a vivir alí comentou que esa distribución era moi frecuente nos poblados de colonización... pero claro, nós nunca estiveramos en ningún. Moita xente nova en Guadajira, parece que non marchan do campo tanto coma en Galiza.

segunda-feira, Março 27, 2006

Antídotos para a morriña

Abriron hai uns días un super novo no noso barrio. Foi motivo de ledicia: a nosa vida é moito máis sinxela, pois xa non temos que coller o coche cada vez que quedamos sen iogures. A miña compañeira de traballo foi o sábado por alí a mercar peixe e voltou con sorpresa: ¡¡¡tiñan raia!!! Como boa galega e mellor cociñeira, fixo unha caldeirada. Invitou a compartila a un extremeño, que ao primeiro puxo mala cara, pero logo aplicouse a fondo. Teño que aprender a facela ben, que ha ser unha boa opción para cando unha comeza a botar en falta o peixe da terra...

domingo, Março 26, 2006

Xustiza poética


O que o home argallou, foino levar o vento...
Sir Paco non mandara ás súas naves a loitar contra os elementos.
(Xa poñéndonos serios, que lles sexa leve a todos o temporal).

terça-feira, Março 21, 2006

Non só o tabaco.


Segundo a miña experiencia, algo que tamén debería levar advertencia dos seus perniciosos efectos é escoitar a Radio pola mañá. E non falo de experiencias fortes, que unha coñece as súas limitacións e sabe que está vella de máis para iso... Sen ir tan ao extremo, está mañá pillei un bo calentón escoitando falar das revoltas francesas na emisora que, supostamente, máis podería tratar de entendelas. Falaban do "pouco permeables aos (supermeganecesarios) cambios que son os sectores da sociedad francesa que andaban a manifestarse. De que oporse a reducción do estado do benestar ía en contra da "cohesión social"... Estou segura de que se os cambios fosen coma o autoestablecido polos nosos parlamentarios galegos, non se ían a opoñer. O conto é que cando os cambios afectan aos pringaos, nunca son para ben, senon a cotío "pour t'enculer". O de que a reducción do estado do benestar poida favorecer a cohesión social só o entendo se considerasemos que a cohesión social fai aguas porque os que non precisan nin subsidios, ni escola pública, nin sanidade, nin servicios sociais estarán máis contentos pagando menos impostos. É dicir, o sector dos cómo-me-gustaría-ser-coma-ti que os tertulianos semellan tomar coma modelo. E non lles vai mal, non. Cobran o mesmo por soltar babosadas durante unha hora (bueno, unha hora a dividir entre catro ghichos: case sempre 3 homes e unha muller) que un anticambios en quince días de traballo. Penso que o eslogan da foto enténdese sen necesidade de saber francés. Despois do que oín hoxe, empezo a ter dúbidas sobre se hai unha man agachada detrás das convocatorias dos botellóns. Parece que estes das pancartas incomodan máis ao sistema.

sexta-feira, Março 17, 2006

Telenovela triste

O outro día, había una trama de paternidade dubidosa en Desperate Housewives, que, por certo, leva aquí de título Mujeres Desesperadas e non Amas de Casa Desesperadas, coma sería o lóxico. Ao día seguinte enteiramonos no traballo dun asunto que trataramos alí había un par de meses e que tomou unha evolución que os pode levar directamente a un talk show, por méritos propios. O argumento é así: parella casada con dous fillos. A muller marcha con outro en circunstancias ben bizarras: a parella acude a unha festa e, cando o home empeza a buscar onde está ela, resulta que marchara co amante... para non voltar á casa. Leva consigo ao fillo pequeno, que ten dous anos e deixa ao grande co pai. Comezan a separarse legalmente e adxudícanlle a custodia do pequeno á nai, cun réxime de visitas para o pai. Cando o pai vai buscar ao pequeno para as visitas, a nai sempre pon problemas (nada fora do desgraciadamente habitual), pero un día dille que non o pode levar, que non é fillo del. Tanto teima que él esixelle unha proba de paternidade, máis que nada, para quitarlle a excusa. A proba de paternidade dalle a razón a ela: non é fillo del. O home está destrozado, a familia do home (avós, tíos...), tamén... De súpeto, perderon un fillo, neto, sobriño... Por suposto, a pécora que creou a situación, non está disposta a que teñan relación ningunha co neno. Todo isto ocorre nunha vila duns cinco mil habitantes e vailles ser difícil tratar de esquencer.
Na trama da serie tiña gracia, na vida real, non a ten.

quarta-feira, Março 15, 2006

Slowly?

A fin de semana foi espídica: chegada o venres tarde a Vigo, para gozar da presentación do libro do Rei de Copas, que resultou ser unha persoa cun sentido do humor sutil que nos puxo un sorriso na cara durante toda a súa intervención. Tiña a todo o auditorio engaiolado coas cousiñas que ía contando, tanto sobre a obra, coma sobre a súa vocación literaria. Non houbo apenas comentarios sobre o libro, pero é que moitos dos asistentes non o tivemos entre as mans ata ese momento. Xa haberá tempo de facer eses comentarios cando remate o libro, que facelos antes é un pouco onda Sofía Mazagatos e por riquiño que me parecera o autor, tampouco é iso... Despois do acto, agardabanos na porta a miña compañeira de piso da facultade e pasamos unha noite estupenda con ela. Falamos do pasado, sí, pero tamén do presente e mesmo do futuro, coma corresponde a unha amizade que sigue viva a pesares da distancia e dos anos. O sábado pola mañá fuxiu entre pouco froitiferas xestións inmobiliarias e comerciais... pero polo menos dimos un paseiño por Vilagarcía. A tarde-noite consumiuse entre a familia política, os amigos e a organización de (alomenos) 3 ou 4 viaxes para Semana Santa (dame a sensación de que remataremos por pasala en Rajoysbeach ou en Vilagarcía...). A conclusión foi que a opción das Alpujarras parece perder forza e ao Radical e máis a min non nos convence Lisboa (fomos varias veces nos últimos 3 anos e preferimos voltar en tempada baixa). O domingo tiramos para Ponteareas para celebrar o aniversario de meu pai: todo saiu de marabilla e en catro horas que estivemos alí deron para moito, entre outras cousas, para facer boas migas (por fin) co meu sobriño pequeno, que xa non me mira con desconfianza e mesmo aprendeu a dicir o meu nome. Polo serán volta para Extrema e Dura atravesando Portugal, durmir en terras de Alcántara e o luns de mañanciña, facer os 120 kms. ata o traballo... Creo que non vos estrañara que non contase todo isto onte...

This page is powered by Blogger. Isn't yours?