sexta-feira, outubro 28, 2005

Por terras de Galiza.

Boto uns días acompañando a unha persoa da familia nun marabilloso hotel a gastos pagos do SERGAS e iso fai que lea a edición en papel da Voz (desde o verán que non cheiraba un xornal galego en papel). Na contracapa quedo encantada de ver unha entrevista que un foreiro recentemente engadido ás miñas ligazóns lle fai a unha rapaza camioneira. Leo cun sorriso cada vez máis amplo, porque o que a rapaza conta de seu pai me recorda o que sempre me inculcou o meu: podo facer calquera cousa que poida facer outro, só fai é preciso que queira facela e me prepare para iso... Dicía a conductora do camión que cando lle preguntaba ao pai se había de ser quén de sacar o camión por un lugar estreito, él contestaballe que claro, se outros podían, ela tamén.
Recordo cando fun a vivir a Cádiz. Nunca fixera un viaxe de máis de 200 kms. conducindo soa. Miña nai preguntou se non sería moito os 1000 kms. Meu pai dixo que non: que eu tiña carnet e podía facelo igual que calquera. E sempre así.
Cando vexo ás veces a mulleres da miña idade criadas na inseguranza en sí mesmas, ainda agradezo máis a meus pais á confianza que sempre puxeron en min...

quarta-feira, outubro 19, 2005

Luis e Pedro

O Gabinete de Iniciativas Transfronterizas da Junta organiza uns encontros con Portugal, e ao abeiro destas xornadas actuaron onte no Palacio de Congresos de Mérida Luis Pastor e Pedro Guerra. Por unha vez, conseguimos enterarnos de algo antes de que pase e alí fomos. A convocatoria foi afortunada : o próximo disco de Luis Pastor será de poemas de Saramago, e a súa relación con Portugal é intensa tendo colaborado con José Afonso en diversas ocasións.
O concerto familiar (Luis e Pedro son cuñados) foi lindo. Algunhas en portugués de Luis e a súa dona, outras en castelán, Pedro Guerra en portugués e despois varias os dous xuntos. Saimos contentos.
Para esta fin de semana, hai un curso interesantísimo e ademáis gratuito de dúas xornadas sobre os incendios forestais, con participantes de ambolos dous países. Mágoa non poder ir...

terça-feira, outubro 18, 2005

Vellos rebeldes

Hai algún tempo asociaba sempre a palabra "rebelde" coas primeiras (ou segundas) idades da vida: a típica imaxe do mozo ou moza rebelde, herdada de pelis coma a de Nicholas Ray que deixou xeado no tempo a Jimmy Dean ou a de Coppola, con todos eses rapazolos que logo chegaron a ser tan ricos e, según algúns/algunhas, tan guapos (Tom Cruise, Matt Dillon, Rob Lowe...).
Parece que no mundo literario español os rebeldes xa non van cumplir os setenta. Despois da tarascada que comentabamos o outro día de Caballero Bonald, Marsé monta o cirio no Planeta (¡co ben que deben pagar!), premio que él mesmo gañou, ainda que fora na casi-prehistoria, con aquela novela de título que parecía inspirado polo contemporáneo destape. Monta o cirio e logo demite... Fixo ben: se o fixera despois de todo o paripé planetario, non se ía enterar ninguén. E se o fixera antes non aceptando formar parte do xurado, ninguén falaría do conto pola tele, todo o máis nos suplementos literarios.
Menos mal que agora a xente vive moitos anos e temos a eses enfants terribles para que dean un pouco de caña.

domingo, outubro 16, 2005

Brother...

Todos temos un momento malo, dun día malo ou tamén un momento malo nun día que ata entón era bo. Despois moemos e remoemos pensando qué nos puido pasar, por qué nos pasou, por qué a nós ou qué podiamos ter feito para evitalo... As respostas son, básicamente, que somos humanos, que ás veces fallamos, que a todo o mundo lle pasan cousas e non, NON PODÍAS FACER NADA PARA EVITALO.
Así que vai ser mellor que te vaias animando, porque senon vou ter que coller o coche e ir darche unha morea de bicos... e xa sabes que iso vaite facer sentir moi incómodo.
Unha aperta, meu.

segunda-feira, outubro 10, 2005

Vivir nun penedo

O sábado estivemos nunha vila abraiante: no pico dun monte, cun castelo no cumio e cuns grandísimos penedos por todas partes. Nalgúns casos, aproveitaron os buratos entre penedos para meter casas entre eles, noutros, o propio penedo facía de parede para unha casa...
Monsanto, non moi lonxe da fronteira de Monfortinho, bo lugar para unha escapada. Os prezos, de antes do euro... cobraronnos menos de 4 euros por catro refrescos nunha terraza. E iso que tiveron que subilos ata alí e non hai moitas rúas que admitan carros.
En fin, moi recomendable

sexta-feira, outubro 07, 2005

Hai linguas e linguas...

Ensinaronnos funagalo, que é a lingua que empregan na mina para dar ordes. É unha lingua estrana. Os zulús rin cando a escoitan, porque ten moitas palabras en zulú, pero non é zulú. É unha boa lingua para dicirlle á xente o que ten que facer. Ten moitas palabras para dicir "puxar", "coller", "empurrar", "levar", "cargar" e ningunha para "amor" ou "felicidade", ou para o son que fan os paxaros pola mañanciña.
Escribiuno Alexander McCall Smith e a torpe traducción é miña.

domingo, outubro 02, 2005

Hong Kong

Aproveitando o peche xeral este que os non-sei-que-cocos organizaron na nosa casa, remato "El puerto de los aromas" de John Lanchester, que me regalaron no meu aniversario, aproveitando a miña vea asiática do momento.
Sorprendentemente mal traducida. E sorpréndeme porque Anagrama adoita a coidar algo máis estas cousas. Non lin a versión en inglés... pero non hai que facelo para saber que, cando alguén recupera o sentido despois dun desmaio, non "vuelve", senon que "vuelve en sí". Entretida, ainda que boto en falta algo máis de cidade nunha novela que leva o título da propia cidade (Hong Kong significa precisamente "porto dos aromas"). Interesante a nítida distinción da sociedade dos blancos e dos chinos, separadas por algo máis que prexuizos racistas.
Hai uns días vin nunha librería de aquí outra novela de tema asiático... e supoño que cairá un día destes. Se alguén ten outra recomendación...

Cabaleiro Caballero Bonald

A Caballero Bonald tocoulle o dubidoso gusto de ser presidente do xurado no Premio Ciudad de Torrevieja. Resulta que lle deron o premio a César Vidal, ese hombre... Parece que o tipo, ademáis de ter tempo para soltar lixo pola boca en tertulias varias, polo teclado en artigos varios e escribir best-sellers de pseudohistoria que mete medo pensar quén os merca, agora adicase á ficción. Pois vaia.
Caballero Bonald (a quen lle lin En la casa del padre na miña época gaditana), calificou, na rolda de prensa do premio, a esta novela coma "ideológicamente detestable" e engadiu que lle recordaba a "una pedagogía del franquismo", tendo diante de sí ao propio autor... Iso é ter narices (ou idade). E mesmo ten cara de D.Quijote...

sábado, outubro 01, 2005

Enfermeira

Un amable comentarista habitual deste blog preguntaba por qué non escribo... Non sei, non teño ganas. Resulta que o meu Radical está malo, leva case dúas semanas enfermo e mesmo unha semana de baixa laboral. Así que estou de enfermeira, pero non coma a da foto (por desgraza), senon das outras, das que preparan zumes de laranxa, idean menús para persoas que apenas teñen sentido do gusto, vixian que o enfermo tome a medicación e tentan que se abrigue con 30 graos no exterior (cousa difícil).
Supoño que o do Radical non é nada serio, non debería selo, ainda que está resultando moi pesado para él. O malo é que chove sobre mollado, e ven a encher aínda máis o vaso das enfermidades familiares que nos últimos tempos abondan de máis tanto na familia propia coma na política.
E estou un pouco desanimada, para qué negalo...
Moitas grazas, acedre, por preguntar. Déchesme unha alegría.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?