sexta-feira, janeiro 28, 2005

As malas compañas

Tivemos a Touriño de "tournée" por estas terras e ese feito preocúpame... Non creo que a compaña do Alkornokari mellore a ninguén como non sexa para dicir: "eu de grande non quero ser coma ti".
Seica falaron do mérito que Extrema e Dura pregoa fachendosamente: o programa "un ordenador cada dous alumnos". Ben, non son experta en Educación e o que sei do asunto é polo que escoito, así que agardarei a ver se a outro blogueiro que sí sabe do tema se pronuncia ó respecto (veña, sapi, que sei que me les).
Supoño que Paco estará contento coa visita... Ainda que poida que non, claro.

quinta-feira, janeiro 27, 2005

Non acredito

Superado o exame de Alemán e con tregua ata dentro de dez días, que toca o/s próximo/s, actualizo con unha nova que tiven que comprobar dúas veces e ainda non a termino de crer de todo... Resulta que o Consejo de la Juventud de España vai sacar ó mercado unha bebida energética chamada Referendum Plus, para animar a votar ós menores de 34 anos... Tendo en conta que son potencial destinaria de semellante campaña, e que andaba dubidosa entre o non e o sí... non sei se o mellor será absterse. Porque quizáis atribúan o meu voto ó beneficioso efecto dese brebaxe.
Anda este días Todo Nada coas Razóns para o SÍ, Razóns para o NON... Velaquí unha razón ben poderosa para o ¿E A MÍN QUE ME DIS?

sexta-feira, janeiro 21, 2005

Nas antípodas, Greymouth

Navegando por augas mansas, atopei este lugar que resulta ficar case exactamente nas antipodas da alma (da miña). Hai unha páxina adicada a mostrar os lugares que son opostos xeográficamente entre sí da Península Ibérica e de Nova Zelanda. E este pobo tan bonitiño está a través da Ría. Seguro que teñen equipo de rugby e bailan a haka. Pero o meu admirado Carlos Spencer está na outra illa, na do norte, xoga nos Auckland Blues. E, vaia, Auckland é o sitio onde un saliría se fixera o burato en Cádiz, outro dos meus exilios pasados.
Se alguén de Lugo le isto, nomeadamente de Mondoñedo, que saiba que eles tamén teñen pobo antipodo, ainda que nome non é tan lindo como o do meu.

Non sabe nin poñer un condón...

O supracacique di que pensa morrer sin poñer un condón . Non coincidimos: sempre
me deron certo morbo os condóns e, ademáis, estou convencida de que el non vai morrer nunca. En todo caso, á súa idade pillar unha venérea, ten que ser para darlle premio, case.

segunda-feira, janeiro 17, 2005

Investigacións interesantes.

Un amigo de Zgz coméntame isto, que ó principio me costa asimilar e parece de broma do 28 de decembro ou, se for na aldea de meu pai, do 1 de abril, que era o día sinalado para tocarlle os pés os veciños.
Unha mágoa que deixaran o asunto, porque ía ser para propoñelos para o Nobel da Paz : que os danos colaterais das invasión se convertiran en uns cantos polvos salvaxes...
En fin, seguro que non triunfaría porque esta xente o da moral o toma moi en serio, e, unha cousa é invadir e matar, que ten as súas xustificacións, malia que logo sexan mentira, e outra moi distinta pervertir gratuitamente á xente...
En fins...
En outro orden de cousas Jaureguizar ameazaba o venres con unha entrada sobre o blogomillo, pero parece que topou mellor ocupación. Unha mágoa, co que nos gusta a todos o metablogueo.
Ata outra.

domingo, janeiro 16, 2005

Drogas (i)legais

Dicía sempre miña avoa que "o que quer saber, le". O que pasa é que, ás veces, lense cousas que non sabe unha moi ben como encaixar. Non sei se o precio da raia en cuestión é barata ou cara, por min coma se costa cinco pesos... e o capuchino tamén, a verdade. Non tomo café nen coca... a miña adicción son máis ben os productos que vende Mr.Twinings ou os de Ahmad. Agora ben, agora que en Compostela van ter vía barata para London, ogallá que algún non se esqueza de que introducir drogas nun país segue a ser delicto... por máis que un case non se aperciba de que hai alfándega.
E menos mal que Ryanair elixiu Lavacoia, porque se chega a ser Alvedro ou Peinador... baste dicir que o meu ponte da Constitución rematou con un desvío a Zaragoza desde Valladolid, por culpa da néboa. O viaxe en autobús Zgz-Valladolid, foi... en fin, para contar. Chegamos a Valladolid ás 12.30 da noite, cando teríamos que ter chegado ás 15.00 horas... e todos tiñamos en diferentes direccións, polo menos 4 horas de viaxe en coche... E todos traballabamos ó día seguinte (traballar, é un dicir).
O bo de ser pro-tea, e que se pode tomar nestas cucadas :
Enjoy it!

sábado, janeiro 15, 2005

Os perigos da xubilación

Cando unha pensa na xubilación imaxina un tempo no que un fai cruceros, adícase ó xardín (se o ten), a xogar ó golf (se é un pouco pijo) ou a botar un tute ou un dominó cos amigos (se é normal). Mais semella que na política as xubilacións cheiran a corno queimado e os partidos deberían de botarse a tremer cando algún dos seus "líderes" se xubila sen que sexa por sair cos pes por diante... A algúns dáselle por reescribir a Historia e, o peor, comunicar ós demais os novos desvaríos, a outros por pedir indultos que semellan a negación do seu suposto ideario e parece que a outros ese tempo de lecer lles estimula a producción literaria. Leo na boutade impresa que sae tódolos días en Compostela que Beiras andou a axustar contas cos upegas e deulle forma de libro. Non está mal: desafógaste e ademáis colles uns cartiños, que xa se sabe que co retiro a paga non da para todo. Non serei eu quén o culpe: anos e anos esquivando purgas stalinistas teñen que deixar pegada... Ainda recordo a historia que contaba o meu amigo X dun upega fanático que rulaba por Galiza Nova: cando se enteraba de que algún era homo, a súa frase era "¡modernos, que sodes uns modernos!"...
En fin, ainda así, menos mal que meu pai xa se xubilou hai uns anos e non parece que nos vaia a dar ningún susto :).

quinta-feira, janeiro 13, 2005

Noticias, noticias (II)


Por outra banda (ou algo así...), elpaís elixe estoutra imaxe tamén ben suxerente ¿estase a inclinar Zaps ante o que lle ven? ¿talante por diante, puño ben apertado por detrás? Ai, quén sabe por onde tiran os nosos xornais, se xa todo semella dito/escrito xa sobre o asunto.

Pero a noticia que en realidade me espertou máximo interese hoxe, ainda que me perdese divagando sobre a invasión, é esta outra, tirada do Diario de Arousa e que xa oira na radio, ainda que sen o significativo "detalle" de que a protagonista era unha muller cambadesa:
72 anos e con ganas de loita... e sen pedirlle o favor a ninguén, veña ese matriarcado!!!!! Abonda dicir que o seu caso vai axudar (e moito) a ese 81% de mulleres con que son empregadas a tempo parcial e que parece que por fin van obter algo de xustiza de parte da Seguridade Social. Sexa.

"La demanda formulada por la ex empleada cambadesa Rosalía Falcón Roma contra la Seguridad Social para lograr el derecho denegado a una pensión de incapacidad permanente total derivó, gracias al auto interpuesto por el Juzgado Social número 1 de Pontevedra, en una sentencia del Alto Tribunal que declara “inconstitucional”, por contrario al principio de igualdad e indirectamente sexista, parte del Estatuto de los Trabajadores"


Noticias, noticias (I)

Mergullados andamos nun Ibarretxecentrismo que non parece moi divertido, ainda que me suxire a tendencia a "corazonizar" absolutamente tódalas noticias e invadir tódolos formatos non só televisivos... Centos, milleiros, non sei se ata millóns! de fotógrafos agardando no día de hoxe ese xesto bizarro, esa canseira na mirada, ese súpeto nerviosismo que lles dea de comer mañá. Na procura do trivial andamos, e escoitamos comentarios sobre as gravatas de cadaquén (gris con raias a de Zaps e azul ilusión a de Juantxu). O que falaron, xa se sabe: diálogo de xordos. A fama de ¿dialogante? de Ibarretxe basease fundamentalmente na súa paciencia: é quen de estar 12 horas seguidas falando dun asunto no que hai desacordo sen moverse nen dous milímetros. E sin mandar a merda ó outro (por iso ha de ser dialogante)... E moitas veces pasa que o outro aborrece e empeza a conceder. Ou marcha dicindo un par de exabruptos. Bo, e un concepto coma outro calquera de dialogar: o diálogo-monólogo alternativo... Seguindo coa trivial pursuit, buceo con interese nas fotos que nos ofrecen os periódicos dixitais (e as súas portadas impresas). Non hai sorpresa para LA RAZÓN, que debía de ter ó paparazzi con gripalleira e elixe esta foto de arquivo de Otegui. Suxerente a rexa que lle poñen diante, moi acorde co sutil estilo de este xornal.

segunda-feira, janeiro 10, 2005

Lisboa, REM e outros contos... (e II)

Á mañá seguinte do concerto, despedimos a G e a P que marchaban de volta para a Ría, despois dunha semana en Lisboa. Semana que resultou un pouco abraiante para a anfitriona: nunca coñecera a alguén tan deliberadamente borde como P... Relatounos que o primeiro que fixo ó chegar ó apartamento de Lisboa (no que o ían aloxar gratis) foi pasa-lo dedo por riba das estanterías e recriminar ós donos da casa porque non estaba tan limpa coma él quixera. A T non lle extrañou moito, o conoce dende hai moitos anos e xa sabe do seu extravagante ¿sentido do humor?... pero B, que o aceptaba como se adoita a facer cos amigos da nosa parella... vaia, armouse de paciencia... :). O mesmo fixo G, a conductora que levaba a P de volta e que non miraba a hora de soltalo na súa casa.
Despois de deixalos en ruta, planificamo-lo noso medio día en Lisboa. Ainda que o Radical non coñece Sintra, pensamos que non nos ía dar tempo e deixamolo para a prósima visita. T e B decidiron darnos unha volta pola área que está por riba do barrio de Alfama, máis alá do Castelo de San Jorge. Por alá andan o Panteón Nacional e O Mosteiro de San Vicente de Fóra. Visitamos este e, de paso, T e B atoparon con algo que levaban un tempo procurando: a ubicación da Feira da Ladra.
Recomendo a súa visita a tódolos que visitedes Lisboa. Abre en Terça (¿martes?) e Sábado e hai cousas realmente curiosas para mercar/ver... Así o Radical fíxose con un par de National Geographic de 1966 e 1964 polo módico precio de un euro, e os dous mercamos camisetas dos bombeiros, que nos pareceron moi lucidas para ir á praia e para a Gran Carena de Tódolos Agostos. Despois visita ó Mosteiro de San Vicente (fermoso miradoiro) e xa a inevitable cita co bacallau (de boa calidade e ben cociñado, ainda que excesivamente salgado para o meu gusto). En resumo, que Lisboa, como sempre, deliciosa. E os amigos, vaia, que dicir, se teño os mellores amigos do mundo (eso sí, ben espallados polo mundo tamén...).
Outro día falarei da música que trouxen...
Posted by Hello

Imaxe da Feira da Ladra, a cúpula que se ve detrás é a do Panteón Nacional...

sábado, janeiro 08, 2005

Lisboa, REM, e outros contos... (I)

Dentro do desterro, hai algúns factores del que nos fan sentir privilexiados... por suposto, temos traballo aquí, sen ter que pedirlle o favor a Pepito ou a Juanito. Pero, ademáis, o lugar do desterro, ainda que algo estepario, resulta particularmente ben comunicado con certos puntos de interés. Así estamos a 3 horas escasas de Madrid (e, fundamentalmente, do seu aeroporto ;-), a 2 horas de Sevilla e o seu Ikea, a 3 horas e pouco de Cádiz e a 2 horas e cuarto de Lisboa... Resulta ademais que, excepto en Sevilla, onde unicamente temos un par de coñecid@s, nas outras cidades temos amigos da alma e de todo o resto do corpo...
Todo isto é para contar que fixemos unha visita-relámpago (¿visita-lóstrego?) a Lisboa, para ver os requetemarabillosos R.E.M. (por alá chámanlles ar-i-em... segundo me contou o meu amigo T, que tivo certos problemillas para facer entender de qué grupo quería entradas...).
¿Qué dicir do concerto? Que a min hai cancións do novo disco que me encantan (digan o que digan os cenizos). Que "Leaving New York" e "Electron blue" poderían estar no Automatic for the people sin desentoar. Que Stipe transmite sensibilidade pura no escenario, sin amaneramiento nin excesos: puro e simple sentimento que fai derreterse nunha emoción que chega incluso a arrancar algunha bágoa. Que a montaxe de video non facía máis que facer a experiencia mais intensa ainda. Que a especie de antifaz que levaba maquillado na cara Stipe semellaba convertilo nunha especie de feiticeiro da tribu de 15000 persoas que enchían o Pavillao...
En fin, que non o imos esquecer mañá, precisamente...
Pero a verdade é que non chego a entender cómo me decatei de todo isto, porque segundo relata un sagaz diario portugués:
"O concerto do R.E.M. em Lisboa atraiu um número considerável de jovens espanhóis que pareciamais atentos ao tilintar das garrafas de uísque do que aos sons produzidos pela banda de Michael Stipe. "
Aquí esta a ligazón para esta perla con sabor a topicazo de rivalidade de cativos...
http://jn.sapo.pt/2005/01/08/ultima/rem_encheram.html
Hoxe é un pouco tarde, maña falarei algo máis do resto da viaxe...

Boa noite.
(Esquecíame de dicir que a foto está tirada de www.terranova.pt)

Esta vez, non fomos a esto...
Posted by Hello

quinta-feira, janeiro 06, 2005

Ogallá que fose eu a que tirase esta foto, pero non, foi unha boa amiga este verán. Gústame moito, tanto a foto, como o lugar. O mellor de todo foi que o ceo pareceu poñerse así expresamente para a foto...Posted by Hello


Ainda non sei ben que estou a facer

Nunca imaxinara que ía chegar este día... Levo ben tempo lendo blogs e non se me pasara pola cabeza xamais facer un propio, nunca pensei que tivera nada de particular que dicir.
E, o que é a vida, aquí estou.
A cousa comezou hoxe mesmo. Resulta que desde hai un par de anos participo habitualmente nun foro universitario. Co tempo e bos alimentos, hai algunhas persoas dese foro coas que teño unha relación de amizade, ainda que matizada pola distancia. Onte, unha compañeira e amiga preguntou por direccións de blogs. Eu apenas leo blogs que non sexan en galego e non souben aconsellala moi ben. Decidín poñerme a procura de material de lectura para a miña amiga... e acabei rexistrandome aquí.
Agora non sei moi ben por ónde vai tirar esta historia. Sei que non teño o talento dos ilustres blogueiros aos que leo a cotío. Pero quizáis sexa bonito dar a perspectiva de alguén que tivo que acabar na "nova diáspora"...
Emigrada, sí... como tantos dos que andamos polos trinta anos e gozamos do benestar creado polo eterno D.Manuel "descanse un poquito". Comigo o conseguiu: xa non podo votar nas próximas eleccións. Se tivera emigrado hai 60 anos a Arxentina, entón si, pero estou demasiado cerca de Galiza para que me deixen votar. Así que supoño que só queda falar. Ou escribir.
Veremos que vai pasando.
E feliz noite de Reis... ainda que non me lea ninguén :).

This page is powered by Blogger. Isn't yours?