terça-feira, agosto 30, 2005

O galiñeiro

Hai uns días fomos ao Festival á representación de Rómulo el Grande. Un pouco ao chou, a verdade sexa dita: era a última obra en representación e nos daba mágoa non ter ido a ningunha das anteriores que, a priori, nos parecían máis interesantes. Non era o tipo de obra que buscamos no Festival: levamos poucas edicións e sempre nos tiran os clasicazos: Antígona, Edipo e similares. A ser posible, coa menor cantidade de "frivolités" posible.
Rómulo é un texto moderno, do século XX, unha refabulación da caída do Imperio, con moitísimas licencias históricas e cronolóxicas. Ainda así, ou por iso mesmo, moi interesante e divertida.
Andiven a procurar información sobre o autor, Friedrich Durrematt. Sorpresivamente, foi tamén autor de novela policiaca. Supoño que iso me levará a novas procuras...

segunda-feira, agosto 29, 2005

Galegos no mundo (II)

Ando a recopilar información sobre destinos en Asia e nun foro de viaxes sobre Thailandia atopei un personaxe moi, moi curioso: un galego residente en Bangkok, que axuda a todo o que lle pregunta sobre visitas, viaxes, restaurantes e situación dos hoteis de Bangkok. Mesmo acode ás veces ao aeroporto a recibir aos foreros para saudalos. Todo sen ningún ánimo de lucro, probablemente movido polos desexos de falar algo que non sexa thai...
Ten un blog que pode ser interesante para aqueles que queirades coñecer datos sobre Bangkok. Ao final vai ser certo iso de que hai galegos na lúa.

quarta-feira, agosto 24, 2005

Galegos no mundo

Sen ánimo de parecer un programa deses da Tevegá, imos falar desa xente que anda por aí polo mundo. Este ano temos na miña familia unha alegría moi especial, porque viñeron meus tíos de Brasil, Carminha e Manolo. Adoitan a vir cada 5 anos ou por aí e esta vez temos a sorte de que quedan con meus pais boa parte do tempo. Mañá pola noite, con un pouco de sorte e se se porta ben a autopista portuguesa e non se corta por incendio ou similar, espero cear con eles. Marcharon para alá hai corenta e pico anos. A primeira vez que viñeron eu era moi pequena, pero lembro moi ben aquel verán, con tíos novos e primos novos (unha mágoa que foran máis vellos ca min). Non pensan en volver, a súa vida está alá. Pero sempre din que teñen aquí un anaco de corazón tamén: irmáns, sobriños, sobriños-netos... E iso lles falta en Brasil.
Por sorte, teñen alá unha boa vida, todos eles. Espero visitalos algún día alí. Polo de agora, trataremos que se sintan a gusto e queden con ganas de voltar en un par de anos.

domingo, agosto 21, 2005

Che, qué bodorrio...


Xa dicía hai uns días que seguro que irían saíndo cousas soltas das vacacións neste caderno. Hoxe colgo unha foto que sacamos en Santa Clara, no mausoleo de Ernesto Guevara, o Che. A estatua en sí xa é un pouco peculiar: o Che sae cun brazo escaiolado, pois así o levaba na cidade na que se lle deu un xiro a favor dos "barbudos" á campaña da Revolución.
Na foto vese debaixo a unha parella de noivos que andan a sacar as fotos da voda na estatua... Ao rematar, deixaron ás flores ao pé do mausoleo, ainda que previamente as revisou o poli que andaba vixiando, non fora a ser que levaran algún presente dentro.
O mellor foi cando chegamos xusto a parte de cima do monumento: do outro lado andaban nunha entrega de despachos militares ou algo así: soldadiños cubanos facendo o paso da oca e recollendo o seu diploma, ¡¡¡¡¡¡con música de fondo de Silvio Rodríguez!!!!!! Pero nin siquera interpretada por banda militar ou similar: o disco puro e duro, con Silvio cantando e tal. Botamos unhas risas, imaxinando aos de Figueirido desfilando con Serrat de fondo.

sexta-feira, agosto 19, 2005

Todos temos un pasado

Reviso hoxe as hemerotecas para comprobar que non nos trabucamos onte. No descanso do partido do Celta que daban pola TVG internacional incrustaron, en lugar de publicidade, un documental sobre a arquitectura de Ponte Caldelas. Era de 2003. O documental, producido pola propia TVG, era íntegramente en galego. Bueno. Case íntegramente. Había algunhas intervencións de xente, comentarios, opinións de expert@s. E unha foi en castelán.
Chamábase Teresa Táboas, era arquitecta. O Radical dixo con sorna que ao mellor se decatara de que era do Bloque cando a nomeraron conselleira...
Comprobei hoxe que era esa mesma Teresa Táboas, sí...
A procura de noticias na rede tamén me fixo pensar noutra cousa: ¿por qué ás mulleres sempre lles preguntan pola roupa, teñan a profisión que teñan...?

quinta-feira, agosto 18, 2005

Unha, grande e chea

Unha cita case inexcusable do meu verán é a Festa do Albariño… Coido que só me puxeron falta dúas veces nos últimos…¿25 anos? Aparte da miña conexión afectiva con ese lugar pobre, fidalgo e soñador, da lembranza dos anos pasados alí, é unha festa que me gusta, porque ten un obxectivo claro e explícito: achicar todo o Albariño que o corpo, o sentidiño, os cartos ou a DGT lle permitan a un. Este ano parece que o Ilustrísimo Concello andaba preocupado con outras cuestións cando organizou a Festa, así que o programa de actividades deixaba moito que desexar. A comparsa “Unha, grande e chea” animadores incansables dos bares cambadeses, así como do Entroido e o Albariño, daban a súa propia versión do programa das festas… Non moi alonxada da realidade, por certo. Aquí vai unha parte:

MÉRCORES 3 DE AGOSTO
Ás 7.45 saída do sol e apagado das luces.
Ás 8,00 apertura das paradas de taxis
10.15 No Edificio Pirsa “Curso de introducción á informática”
10.20 Subida da marea e retirada seis horas despois
Ás 10.25 Curso de iniciación á vela polo señorito de turno
Ás 10.30. A casi deputada Sra. Oubiña vai tomar café
10.45 Pasarrúas por Noia, Boa e Portosín a cargo de diversos Grupos de Gaitas (agás Faíscas por non ser dos nosos)
13.00 No paseo da Calzada inauguración da LIII EDICIÓN DA FESTA DO PARTIDO POPULAR polo Excmo Sr. Presidente da Deputación Provincial Rafa “O Rabiso”
13.05 Saída do Sr. Secretario acompañado por Nor de Jordania para a típica “Tomada de Viño Español”.
22.00 Ocaso do sol, saída da lúa e encendido das luces.
22.15 Na praza sen peatonalizar de Fefiñáns, VIII Gala de Tele PP coa entrega os amigos nos eidos das artes elásticas, empresarial, deportes, desatención social, xornalismo e descomunicación. A contiunación, para os que están sentados mirando a gala, actuación por 3ª vez en Cambados de LOS LIMONES.
23.45 Reconto do voto emigrante novamente por se acaso.

quarta-feira, agosto 17, 2005

Anticuada

Levo uns meses con problemas co móbil. Problemas diversos. Todo comezou cando sucumbín aos cantos de serea dunha compañía que quixo captarme para as súas listas. Ofrecéronme unha tarifa minimísima para falar coa persoa que elexise e, claro, pensar en falar case de balde co Radical foi moita tentación para min. Tardaron dous meses en darme liña, mentres o teléfono que me regalaron durmía no fondo dun caixón. Cando por fin me aceptaron no seu clube, o teléfono debía terse afeito á boa vida e escarallouse en quince días, xusto antes das vacacións... Deixeino aquí para que mo arranxaran. Intentei varias veces, en dúas tendas Molestar* distintas, facer un canxe deses, para conseguir outro móbil de recambio. Sen éxito ningún.
Meu irmán solucionou o meu problema: cando lle preguntei se tiña algún Molestar* vello por aí, botou man da súa familia política e conseguiu para min esta reliquia. A foto non lle fai xustiza: é moito máis grande e máis bruto do que parece aí. Pero xa lle collín afecto: advertíronme que non traballaba moi ben, que ás veces perdía a conexión sen motivo. Calumnias. Xa me durou máis que o novísimo con cámara de todo que hoxe (¡por fin!) está arranxado.
Vaime dar mágoa deixar este adoquín. Tiña gracia ver á cara da xente cando o sacaba para contestar unha chamada nun bar, ou na praia. E mesmo o timbre de chamada coa antigamente típica música clásica provocaba curiosidade. De feito, ainda non mudei a tarxeta. A ver se cando remate de escribir isto... Non sei qué vou facer con tanto sitio libre que vai quedar no meu bolso.

terça-feira, agosto 16, 2005

Voltando... piano, piano

Hoxe é o principio do resto do ano...
É dicir, volvín ao traballo.
Tampouco é que sexa terrible.
Sobre todo, porque ainda me quedan tres días a fin de mes. Pouco a pouco, según se me vaia ocurrindo, irei contando das vacacións. En próximos capítulos.

quarta-feira, agosto 03, 2005

"Traballando" nas vacacións

Esta noite fago unha pequena paréntese nese non facer "ná" en que consisten as vacacións. Quero dicir, non facer nada útil, claro, porque en realidade paso o día indo de viños e tapas, indo a praia, lendo un par de liñas, estudando outro par, dando paseos, untando crema para as picaduras dos mosquitos, chamando aos amigos para algunha das actividades anteriores (bueno, a da crema, non...), etcccc. Esta noite a ocupo en quedar de canguro dos meus sobriños... E xa se sabe que as canguros do século XXI temos dereito a ADSL de balde... Así que aquí estou, mentres o pequerrecho (dezaséis meses) durme (e que así siga, que ese non leva libro de instruccións) e a pequena señorita (cinco anos) mira a pantalla, sentada no meu colo e preguntando todo o que o sono lle permite qué estou a facer, que escribo taaanto. Os pais andan de troula, que hoxe empeza a Cincuentaepico Festa do Viño Albariño... Mañá (e todo o resto da semana) tocarame a min a troula. E agoro corto isto, que a pequena estase a queixar polo miudo de que a seu pai non lle gustan nada de nada nin os gatos, nin os cans, nin os hamsters, nin ningún outro animal vivo ou morto (di que o outro día tampouco lle gustaron uns paxaros mortos...) e debo escoitar con moita atención...

This page is powered by Blogger. Isn't yours?