terça-feira, setembro 13, 2005

Estou feita una rapariga

Cando era nena, pasaba moitas vacacións e fins de semana na casa de meus avós, alá ao carón do Miño. Con esa época van asociados dous motivos principais: a miña amiga Mari e a bicicleta. Era "o" xoguete cando estaba alí: con 5 ou 6 anos, andaba pola finca, despois ía ata a casa de Mari ou ao campo de futbol, máis tarde íamos a tódolos sitios na bici.
Hoxe tiven que traballar pola tarde e, cando voltaba á casa, sentín un desexo imperioso de montar na bici. Saqueina do garaxe, inflei as rodas, limpeille o pó e alá fun a dar unha volta á mazá. Tódolos nenos da urbanización andabamos na bici, ainda que eu lles adiantaba a todos (agora teño 12 velocidades e as pernas máis longas). Foron quince ou vinte minutos pero nese tempo percorrín case case vinte anos...

domingo, setembro 11, 2005

Escoita, Robinho...

Non o tomes a mal, pero... as bicicletas, sonche para o verán. Xa ves o que pasou onte, que fixemos festa.

C'est moi

Encantada.

quinta-feira, setembro 08, 2005

¿Saqueos? Non, alí, non


Mentres en Nova Orleans a xente divide o seu tempo mercando armas para defenderse doutra xente que tamén as mercara para o mesmo e saquear todo o que atopa para non ter que deixar de tomar esas augas balneáricas que lles xurdiron na city coma por arte de maxia, aquí colgo unha foto do enimigo.
Tomada en Trinidad, dez días despois do paso do furacán Dennis, que deixou 16 mortos nesta cidade e numerosos desperfectos. Cando nós estivemos alí, había bastantes problemas: desperfectos en moitas casas, cortes de electricidade de moitas horas ao día (moito máis longos do normal en Cuba, máis o cabreo engadido da xente porque Fidel rexeitara a axuda internacional que lle ofreceran. Ainda así, a xente seguía a ser amable, ainda que non levaran zapatos... En canto ao saqueo, nin siquera trataron de saquearnos moito a nós e os prezos das artesanías eran a metade dos da Habana.
Iso sí, montaron un par de protestas contra o réxime. Non creo que lles serviran de nada, pero iso é outro conto.

quarta-feira, setembro 07, 2005

Barbarism begins at home

Na miña casa sempre nos educaron no respecto aos vellos. Unha mala contestación a miña avoa era moito máis castigada por miña nai que se lla deramos a ela mesma. O mesmo ocorría con calquera outra persoa do que hoxe chaman "3ª idade", fose ou non da familia. Así que me vai custar escribir isto, pero non podo evitalo, de verdade que non.
Mrs. Bush senior, aquela que a bobería americana consideraba unha doce avoiña acaba de mostrar a pijerío clasista que lle burda por cada poro do seu corpo. Conta o NY Times que esta harpía dixo que coma os refuxiados de Nova Orleans eran xa desfavorecidos, agora en realidade lles ía moi ben alí en Texas. Debe de ser que a parte de debaixo das pontes de Texas é máis confortable que as de Nova Orleans, e que a comida deshidratada que lles dan é moito máis saa que o que traían tódolos días do McDonalds, vai ser iso... Engado unha ligazón coa noticia en castelán.
En fin, xa o dicía a canción dos Smiths: a barbarie comeza na casa... George W. Bush, non é culpa túa, é cousa da xenética.

terça-feira, setembro 06, 2005

Habilidades

O que pode chegar a facer un thai cunha sandía. Claro que se pensamos o que chegan a facer elas coas pelotas de ping pong, non é para tanto. Non o intenten na casa, sería unha mágoa estragar unha sandía... ou, se imos ao caso, algunha outra cousa.
(Ía poñer unha ligazón co do ping pong show, pero mellor que non, que non teño ganas de que esto se me encha de buscadores de semiponogr*afia asiática...)

sábado, setembro 03, 2005

Soños

Por fin atopei algo que ilustra esa Asia que bule polos meus soños nos últimos tempos. (Estou en terapia postvacacional... ou algo así).

quinta-feira, setembro 01, 2005

Ai, Quin, Quin...

Imos a comezar polo bo, Quin. Caesme ben. Por iso, vou cambiar o xeito de gruñir por algo que non me gusta, que sempre o fago en terceira persoa e emprego unha segunda moito máis ¿cálida? E máis, se tivese dereito a votar nas eleccións de xuño, probablemente tería votado á vosa lista de Pontevedra.
Pero... pase que non saibas do asunto da violencia de xénero máis que de pasaaada: á fin, ninguén é perito en todo. Pase que empregues ese asunto para quedar de guai (non eres o primeiro nin serás o último). Pase que ofrezas unha medida de asistencia social que xa estaba contemplada por outras leis.
O que non acepto, o que non considero propio de ti, e que non soportes que alguén que está máis informado che corrixa cando metes a pata. Que non o soportes ata tal punto que non respostes por ti mesmo, que te escudes en Aymerich, hala, veña, tódolos rapaces a darse de hostias por Quin... Iso non está ben. ¿Vas comezar xa a deixar de escoitar, Quin? Pois sí que che deu por aí ben cedo.
Por certo e sin que veña ao caso non creo que o problema da violencia contra a muller no ámbito familiar se solucione así, pero iso é só unha opinión...
Veña, para que vexas que che teño lei, colgo unha foto á beira dun ordenador, igual que estou eu agora.

Aos nenos tamén lles gusta o teatro

Leo últimamente no blog do escritor Francisco Castro, que existe preocupación sobre o que len os rapaces, se len ou non, cómo achegalos a algo que non sexa TV ou vídeoxogos, etc. Lembrei iso no teatro, na obra da que falo na mensaxe de abaixo. Resultou que xusto diante de nós había dúas parellas con tres nenos. Dous eran pequenos, andarían sobre os sete anos, e outro debía ter dez ou once. Os pequenos quedaron case durmidos: a obra comezaba ás once. O maior, non. Durante a representación, preguntou un par de cousas polo baixo á súa nai sobre alusións que facía o texto. Ao saír, gustoume ver que tiña ganas de comentar á obra cos pais, dicía que lle gustara moito, víaselle ilusionado...

This page is powered by Blogger. Isn't yours?